PÁXINA DE DESARROLLO. (Só para probas)

Ir o contido principal

ILUMINACIÓN FERVENZA DO ÉZARO 2024

Miniatura Noticia

Como consecuencia dos temporais do pasado inverno o último treito da pasarela de acceso á Fervenza do Ézaro veuse afectada, co que este verán a iluminación será diferente. En principio non haberá música e nos momentos de maior afluencia o acceso estará regulado a pequenos grupos para velar pola seguridade. Namentres, amplíase o número de noites de iluminación a un mínimo de dúas por semana.

Terá lugar no período comprendido entre o 28 de xuño e o 21 de setembro. Dentro dese período, ten lugar nas noites dos venres, sábados e vésperas de festivo dende as 22:30 ata as 00:30h.

O acceso é gratuíto, pero é aconsellable vir con tempo para poder estacionar con calma.

CALENDARIO do espectáculo audiovisual 2024⤵

A iluminación da Fervenza do Ézaro é un espectáculo que hai que ver. Unha mestura de emocións son o resultado da máxica combinación da natureza e a iluminación.

[facebook url="https://www.facebook.com/vozcarballo/videos/1492428494132055/" /]

 
 
 

#DumbríaéTurismo #DumbríaéUnica

6 SEN PAUSA. Actividades de verán. Dumbría 2018

Miniatura Noticia
O Concello de Dumbría presenta as actividades de Verán 2018, que este ano terán unha duración de 6 meses consecutivos.

Aquí tes un verán de 6 meses, pensado para ti e para todos, 6 meses de verán sen pausa, 6 meses de actividades e eventos!!

Para que desfrutes de todo o que che apeteza facer, probar, descubrir e compartir; imos realizar unha grande variedade de actividades: ciclismo, campionatos, eventos culturais e deportivos, actividades de verán no Conco, piscina, kaiak, torneos, viaxes, maxia, teatro, andainas, festas... e moitas sorpresas.

Toda unha gran variedade para todos os públicos, para os veciños de Dumbría, e para que a xente de fóra tamén poida participar dos eventos e así descubran e vivan a Costa da Morte.

Concello de Dumbría, seis meses de verán!

María Victoria Moreno: Letras Galegas 2018

Miniatura Noticia
MARÍA VICTORIA MORENO (1939 – 2005). LETRAS GALEGAS 2018

Escritora, profesora de literatura, tradutora, investigadora, editora, libreira e conferenciante. Nada en Cáceres en 1939, adicou a súa carreira á ensinanza e á defensa da literatura infantil e xuvenil. Durante a súa vida contribuíu, xunto con outros autores e autoras da súa xeración, a situar a literatura galega nun lugar digno e a poñer en valor o uso da lingua galega. Aínda que naceu en Extremadura, a súa identificación con Galicia foi tan intensa que de seguida aprendeu o galego e converteuno na súa lingua. As súas obras, entre as que destacan Anagnórise e Mar adiante, sitúana como unha das máis prestixiosas escritoras galegas e, por iso, este ano, no Día das Letras Galegas, réndeselle homenaxe.

No Conco en Dumbría , podedes ver a exposición da homenaxeada, na que se detalla toda a súa biografía, traxectoria e publicacións e nas Bibliotecas do Concello unha selección das súas obras.

FOTOS:










BIOGRAFÍA

1939 – Nace o día 1 de maio en Valencia de Alcántara, provincia de Cáceres, mais na súa mocidade dixo que nacera en 1941 para comezar o bacharelato coas rapazas menores ca ela xa que non tivo ocasión de se matricular antes. 

1949 – Morre o seu pai Vicente Moreno de tuberculose, causando un importante impacto na familia, tanto no terreo económico como no emocional. 

1951 – Interna nun colexio en Barcelona, grazas a unha bolsa, aprendeu francés e catalán, lingua que emprega máis adiante na súa faceta como tradutora. O longo da súa traxectoria acada diferentes recoñecementos literarios escribindo en tres linguas: francés, castelán e galego. Nesta época descobre tamén a literatura, lendo por primeira vez as obras que se habían de converter nas súas favoritas: O Quixote e O Principiño. 

1958 – Múdase a Madrid a estudar Filoloxía Románica na facultade de Filosofía e Letras da Universidade Central (hoxe a Complutense). 

1963 – Casa con José Luis Llácer, compañeiro de carreira de cursos superiores, co que comparte a paixón polo ensino e o interese pola Filoloxía. Neste mesmo ano, múdase a Galicia ó conseguir unha praza de profesora interina en Pontevedra, onde descubre a súa vocación pola docencia. 

1965 - Gaña a oposición de profesora no Instituto Masculino de Lugo e establécese definitivamente en Galicia. 

1967 – Torna a Pontevedra onde imparte literatura castelá no Instituto Feminino (hoxe o Valle Inclán). Dedicaba parte das súas clases a ensinar literatura galega, aínda que na ditadura franquista estaba prohibido. 

1972 – Participa de forma voluntaria e non remunerada na impartición de cursos de lingua galega, organizados pola asociación Amigos da Cultura de Pontevedra. Como represalia pola docencia de estes cursos, en 1974 foille retirado o seu pasaporte. 

1973 – Publica a súa primeira obra “Mar adiante”, en Edicións do Castro e con ilustracións propias. A publicación ten un grande impacto na prensa, converténdoa nunha das autoras pioneiras da literatura infantil galega. O libro constitúe un manifesto a favor dunha escola diferente, en contacto coa natureza e a favor dunha relación de respecto e agarimo co alumnado.

Tamén edita a antoloxía bilingüe “Os novísimos da poesía galega”, onde recolle textos de dez poetas galegos nados despois de 1943, facendo ela a selección e maila tradución o castelán. Neste mesmo ano, con outros oito socios, cofunda a librería Xuntanza en Pontevedra, que pecharía poucos anos despois, e na que podían atoparse, entre outros, obras de Castelao ou Miguel Hernández editadas fóra de España, xa que naqueles momentos estaban prohibidas pola censura. No ámbito persoal, este ano é moi significativo por comezaren, o seu marido mais ela, os trámites de adopción dos seus dous fillos, proceso que rematarían no ano 1975. 

1979 – Consegue a praza de catedrática, no instituto de Ribadavia, pero solicita a excedencia ata 1986 para seguir en Pontevedra, accedendo así como catedrática ó instituto de Vilalonga, en Sanxenxo. Publica "O cataventos", obra que acadou o Premio O Facho. 

1986 – Publica “Leonardo e os fontaneiros”, obra que mostra a súa intensa relación cos animais. Outros textos seus protagonizados por animais son “E haberá tirón de orellas?” ou “Eu conto, ti cantas...”, último publicado en vida, no ano 2005. Ademais das historias infantís ou xuvenís, a mediados dos 80 publicou xunto con Xesús Rábade Paredes e Luís Alonso Girgado libros de texto de literatura galega. 

1988 – A editorial Galaxia crea a colección Árbore de literatura infantil, que será dirixida durante dez anos por María Victoria Moreno, Antonio García Teijeiro e David Otero. Tiña o obxectivo de dispoñer de literatura en galego para todas as idades, dar visibilidade á escrita en Galicia, así como publicar traducións ao galego de libros de calidade. Neste mesmo ano publica“Anagnórise”, considerada a súa mellor obra. María Victoria xa era recoñecida como unha das autoras de máis calidade da literatura infantil e xuvenil, mais esta obra consolida a súa consideración como parte do canon. 

1990 – Consegue o traslado ao Mixto nº 5 de Pontevedra (hoxe IES Gonzalo Torrente Ballester), no que remataría a súa carreira docente no ano 2002, doando a súa biblioteca persoal, incluídas varias edicións e uns 150 estudos do Quixote. 1996 – Morre o seu marido, José Luis Llácer e, uns meses despois, diagnostícanlle a ela cancro de mama.

1999 – Publica a novela xuvenil “Guedellas de seda e liño” que, como“Anagnórise”, explora os conflitos de identidade na adolescencia.

 2003 – Casa con Pedro Ferriol, capitán cubano da mariña mercante e compañeiro nos seus últimos anos de vida. 2004 – Publica o ensaio “Diario da luz e a sombra”, onde reflexiona, con humor e ironía, sobre a súa experiencia co cancro.

 2005 – Morre aos 66 anos de idade, vítima do cancro. 

2006 – Publícase postumamente “Elexías de luz”, que reúne cinco cadernos de poemas. 

2009 – Publícase a súa primeira obra “Onde o aire non era brisa”, escrita en castelán en 
1969 e traducida ó galego por Xavier Senín, seguindo a vontade da autora.

LIBROS DE MARÍA VICTORIA MORENO NAS BIBLIOTECAS DO CONCELLO DE DUMBRÍA: ( Preme na o enlace para ver os libros en cada biblioteca)

1. Libros na Axencia de Lectura de Dumbría


















CLAUSURA ESCOLAS MUNICIPAIS DE TEATRO 2018

Miniatura Noticia


O domingo 3 de xuño terá lugar na Casa Cultural de Olveira a clausura das Escolas Municipais de Teatro 2018.

Ao longo de todo o día poderemos gozar das actuacións que nos ofrecerán as/os nosas/os artistas locais. Un bo puñado de dumbrieses e dumbriesas que se xuntan todos os martes durante o curso para pasalo ben, para divertirse e para aprender.

Nas escolas municipais de teatro, dirixidas por Diego Rey, membro da compañía Talía Teatro, os/as participantes traballan a desinhibición, a presencia escénica, a composición escénica, a expresión, a improvisación, a creación de personaxes, a voz,...

Nestes exercicios de clausura o grupo infantillevará a escena (ás 12:00 h) pezas escritas por eles e elas memos/as, ademais dalgunha outra sorpresa.

Xa pola tarde (18:00 h), o grupo xuvenil escenificará a obra A Visita.

E ás 20:00 h o encargado de subirse ás táboas será o grupo de adultas/os, que nos mostrará a obra O Velorio.

Non faltes a esta divertida cita!
Entrada de balde!

FESTA INFANTIL FIN DE CURSO 2018

Miniatura Noticia
O verán está chamando á porta así que imos recibilo como toca.
Para ir abrindo boca, o martes 26 de xuño, entre as 11:00 e as 17:00 horas, celebraremos unha festa infantil de fin de curso no areal do Ézaro.

Gozaremos de actividades deportivas, xogos na praia, xogos populares,...e aproveitaremos para asistir aos espectáculos que, a través do programa Cultura no Camiño, amenizarán o paseo marítimo do Ézaro ao longo da mañá.
Nela poden participar todos os nenos e nenas do concello, a partir dos 4 anos.

Para iso débese entregar unha autorización firmada pola nai, o pai, ou os titores, nas casas culturais ou nas oficinas municipais antes do 21 de xuño.

Descarga aquí a autorización

CONCO. VERÁN 2018

Miniatura Noticia
Durante os meses de xullo e agosto desenvolverase o programa de actividades estivais adicadas a nenos e nenas a partir dos 5 anos.
Polas mañás, entre as 11 e as  13 h, realizaranse actividades deportivas e culturais nas instalacións do Conco.

Para participar débese entregar unha solicitude  firmada pola nai, o pai, ou os titores, nas casas culturais ou nas oficinas municipais antes do 21 de xuño.

Podes descargar aquí a solicitude.

FERVENZA DO ÉZARO. ILUMINACIÓN VERÁN 2018

Miniatura Noticia

Entrevista e presentación do libro de Noelia Castro

Miniatura Noticia


DATOS BIOGRÁFICOS:

Noelia Castro Lourido (Anseán, Dumbría, 1979) acaba de publicar a súa primeira obra titulada "En brazos de otro amor". Escritora afeccionada, publicaba as súas historias na rede social Wattpad, unha aplicación que permite crear e compartir contidos con outras persoas. Os usuarios poden publicar artigos, relatos, blogs, fan-pics, ciencia fición e historias sobre temas diversos, xa sexa en línea ou a través da aplicación. Podedes seguir as creacións da autora, que agora sae á luz pública coa publicación do seu primeiro libro.


Con este motivo quixemos facerlle esta entrevista, e tamén convidarvos á presentación do mesmo, que terá lugar o venres 22 de xuño ás 20:00h na Biblioteca do Conco, no Concello de Dumbría.

O LIBRO



Título: En brazos de otro amor
Autor: Noelia Castro 
Editorial: Ediciones Brisa del Sur
Precio de venta: 21€
ISBN: 

SINOPSE: 

Heather y Jason son jóvenes y entre ellos surge algo mucho más profundo que no quieren reconocer. Entre tanto aparecen personajes interesados en ni Heather ni Jason se den ninguna oportunidad para que esa relación siga adelante. La propia Heather se encuentra entre lo que siente por Jason, y lo que siente por Gray, un joven lord que conoce en el colegio y cree estar enamorada de él. ¿Quién se ganará finalmente el corazón de Heather?



ENTREVISTA

1. Como xorde a idea de escribir, título do libro?

O libro titúlase En brazos de otro amor. A idea de escribir xorde en abril do ano pasado cando coñecín en internet a plataforma Wattpad, na que se poden ler historias de outras persoas ou escribir, como é o meu caso. Xerou en min unha inquietude e fíxome pensar que se outras persoas eran capaces de escribir unha historia ,por que eu non o podía facer tamén?. 
E aquí estou, presentando o meu libro. Se vos interesa seguirme soamente tedes que descargar a aplicación e buscarme co nome de Noelia Castro Lourido.

2. De que trata a obra?

A obra narra a historia de amor entre Heather e Jason, dous rapaces novos que se namoran, ambientada no Londres do século XIX, pero que para ese amor sexa posible, os protagonistas teñen que pasar unha serie de adversidades para, ao fin, poder felices para sempre. Ó longo da historia os protagonistas viven momento felices, pero tamén son moitos momentos difíciles os que teñen que afrontar por culpa de personaxes egoístas e manipuladores.

3.Dende cando escribes, tes outras publicacións?

Fai un ano que comencei a escribir. De momento non teño ningún libro máis publicado.

4. Que significa para ti poder escribir e chegar a tantas persoas coa lectura e as letras?

Para min escribir é algo especial que non podo explicar con palabras. Cando escribes estás transmitindo unha historia que nace do teu interior. Poder chegar a tanta xente a través das letras é todo un honor e un pracer, ver que as horas que pasas escribindo teñen a súa recompensa, que é o que realmente queremos os escritores, que desfruten dunha boa historia e que se sintan en conexión co autor.

5. Cóntanos como estás vivindo este momento no que a túa obra vai ver a luz pública.

En este momento estou feliz e moi emocionada de que a miña historia vaia ser publicada. Cando empecei a escribila non pensei que este momento me ía pasar tan pronto. Iso quere dicir que o meu traballo ao longo do ano mereceu a pena por tanto esforzo e horas de dedicación e que é unha bonita historia que a xente merece desfrutar.

6. A quen admiras como escritor ou escritora?

Admiro moito as escritoras de novela romántica como Diana Palmer Candace Camp, Brenda Novak, Julia London, entre outras. Admiro a moitas máis, poño estas tres para que as coñezades.

7. Que consellos lles darías os nosos veciños e veciñas de Dumbría para que leran máis?

Pois eu diríalles que ler é algo máxico que che permite desfrutar dun sinfín de aventuras sen moverte de sofá da casa. A parte de que é unha actividade moi boa para manter o cerebro e a mente activos.

8.Tes algún libro máis pendente de publicar?

Sí, estou preparando a miña segunda novela "Matrimonio por venganza", que, se todo sae ben, creo que verá a luz o próximo ano.

9.Que libro ou libros estás lendo neste momento?

Nestes momentos estou acabando de ler a novela de Julia London "Los peligros de perseguir a un duque".

10.Gústache ler en dixital ou prefires en papel?

Gústame ler tanto en papel como en dixital. Pero gústame máis o contacto co libro na man e ir pasando as páxinas segundo vas lendo.

11.Que autor ou autora da Costa da Morte che gustaría recomendar?

Esta é unha pregunta algo complicada porque na Costa da Morte están xurdido escritores fantásticos. Pero o autor que más me chega ao corazón sen dúbida algunha é Xaime Trillo.





"REFLEXOS DE DUMBRÍA", Presentación da Exposición Fotográfica de Santi Garrido.

Miniatura Noticia

O vindeiro xoves, 21 de xuño ás 20:00 h., terá lugar nas instalacións municipais do Conco a presentación da exposición fotográfica Reflexos de Dumbría. 


Trátase dunha pequena recopilación das moitas imaxes que Santiago Garrido, xornalista de La Voz de Galicia, ten feito do noso concello.

A través destas fotografías, Santiago, ben seguro, vainos sorprender e descubrir recunchos da nosa terra descoñecidos para moitos. 

Vainos sorprender con reflexos da Dumbría máis coñecida e tamén nos descubrirá unha gran descoñecida, amosándonola tal e como é, sen adornos nin filigranas, natural.

A exposición poderase visitar no Conco ao longo do verán.
Estades todas e todos convidadas/os á presentación, na que intervirán Santiago Garrido, autor das imaxes, e José Manuel Pequeño, alcalde de Dumbría.

OBRADOIRO DE AUTODEFENSA

Miniatura Noticia

OBRADOIRO DE AUTODEFENSA DIRIXIDO A MULLERES MAIORES DE 16 ANOS.

Día: 14 xullo.
Hora: 11:00h
Lugar: Instalacións Deportivas do Conco.

INSCRICIÓNS:
Servizos Sociais Municipais de Dumbría > 981 74 40 01
info@quendixomedo.gal > 981 57 64 69

+INFO: www.quendixomedo.gal