Ir o contido principal
Raúl González Lado Alcalde de Dumbría

Saúdo do Alcalde

 

Benquerida veciñanza, 

Como alcalde de Dumbría, quero darvos a benvida a esta canle de comunicación, ideada como unha ferramenta útil, aberta, transparente e participativa ao servizo de todos os veciños e veciñas. A través deste portal web, que seguiremos actualizando e mellorando, compartiremos o día a día da xestión municipal e ofreceremos información clara e accesible sobre a actividade do noso concello.

 Situado no corazón da Costa da Morte e atravesado polo Camiño de Santiago cara a Fisterra e Muxía, Dumbría é unha terra acolledora, que conxuga natureza, patrimonio, servizos públicos, infraestruturas, tradición e desenvolvemento. Un concello con personalidade propia que, pola súa traxectoria e compromiso, se consolidou como referente en ámbitos como o deporte, a cultura, o turismo e os servizos sociais. 

As parroquias de Dumbría, Buxantes, Olveira, Olveiroa, O Ézaro, Salgueiros e Berdeogas, xunto cos 72 núcleos de poboación que conforman o noso mapa humano, representan un modelo de concello diverso, activo e comprometido cos valores da igualdade, da solidariedade e do respecto polas súas raíces. A paisaxe que nos define é tamén humana; persoas traballadoras dedicadas á agricultura, á gandaría, ao emprendemento e profesionais de distintos ámbitos que lle dan vida e carácter ao noso territorio. 

Xunto a esta plataforma dixital, quero reiterar o meu compromiso persoal e o do equipo municipal cun modelo de concello próximo, accesible e plenamente comprometido. As portas da Casa do Concello están sempre abertas para escoitar suxestións, atender as vosas demandas e, sobre todo, seguir construíndo, xuntas e xuntos, un proxecto colectivo baseado na participación activa e no diálogo constante. 

En nome do goberno local, convido a toda a veciñanza a descubrir os recunchos, as persoas e os valores que fan de Dumbría un lugar privilexiado para vivir, traballar e avanzar. Con orgullo do noso pasado e do noso presente, seguimos traballando con ilusión e responsabilidade por un futuro mellor para todas e todos.

 Un cordial saúdo,

 Raúl González Lado