Ir o contido principal
Pontes

Se ben Galicia é coñecida como a terra dos mil ríos, o Concello de Dumbría tamén é un municipio no que as súas arterias son de auga doce.

Atendendo á súa definición, unha ponte é unha construcción que permite salvar un accidente xeográfico, como pode ser un río, un canón, un val, unha estrada, un camiño,… O deseño de cada ponte varía dependendo da súa función e da natureza do terreo sobre o que se constrúe.

O río principal do Concello de Dumbría é o coñecido como Río Ézaro ou Río Xallas. Con a penas 60 km, é o río de Galicia máis aproveitado para a producción de electricidade. De feito, nos seus últimos quilómetros de percorrido, conta con catro encoros: A Fervenza, A Ponte Olveira, Castrelo e Santa Uxía.

En canto ás pontes, son varias as que existen no termo municipal, entre as que caben destacar:

 

PONTE A PONTE OLVEIRA

A Ponte da Ponte Olveira: datada nos séculos XVII e XVIII. Construída con perfectas pezas de cantería de granito, salvando o curso do río por medio de tres arcos de medio punto con 12 metros de luz e uns 7 metros de altura na parte máis elevada. Posúe catro tallamares triangulares situados a favor e contra corrente. O taboleiro ten un ancho de pouco máis de 5 metros, sendo substituído o orixinal por un de formigón para poder asfaltar a estrada. Foi escenario dunha encarnizada batalla coas tropas napoleónicas e é o punto de entrada dos peregrinos ao concello.

 

PONTE DO ÉZARO

A Ponte do Ézaro: a construcción da ponte xorde como consecuencia dun fatídico suceso acontecido en xaneiro de 1902 ao falecer 23 persoas afogadas ao envorcar a barca na que cruzaban este tramo do río. Foi moito máis tarde, en setembro de 1951, cando se inaugurou a Ponte do Ézaro. É unha obra de cantería en ámbolos dous estribos, sustentados sobre cimentos que superan os 25m de profundidade. É aquí onde o río Ézaro ou Xallas deixa de ser río para convertense en mar, no Océano Atlántico.

 

PONTE VAO DE RIPAS

A Ponte Vao de Ripas: situado sobre o Rego Hospital é paso obrigado para os peregrinos de Santiago a Fisterra-Muxía; concretamente está situado entre Olveiroa e O Logoso. ( Coordenadas: 42.968918, -9.063190 )

 

PONTE PEÓN

A Ponte Peón, ao contrario do que poida indicar o seu nome, non é unha ponte senón un acueduto. De feito, é un dos recunchos arquitectónicos máis importantes do Concello de Dumbría. Está agochado nunha carballeira próxima ao lugar de San Crimenzo.

Trátase dun acueduto feito de cantería que salva un desnivel aproximado duns 20 metros sobre o río. Forma parte da canle de case 7 km de longo que sae da presa do Brazal e abatece de auga á central hidroeléctrica de Castrelo, situada no Ézaro.

Esta obra foi realizada a finais da década dos 40 do século pasado (1947-1950) e consta de dous piares centrais unidos aos estribos por tres arcos de medio punto.

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo