MOITÍSIMAS GRAZAS POLA VISITA CLAUDIA!! Moitas grazas por respectar a normativa vixente con relación á COVID19! Agardamos unha nova visita! Para o ano terás que vir ver a Fervenza do Ézaro iluminada 😉
Facendo esta ruta visitarás algunhas das zonas de maior interese etnográfico do Ézaro, entre as que destaca o reconstruído Muíño de Louredo.
Son varios os muíños que poden verse no Ézaro ao longo do curso do río Rosa. Un dato curioso é que os muíños herdaban os seus nomes de alcumes dos seus antigos propietarios, da súa antigüidade ou ben de nomes senlleiros, destacando nomes como: o Muíño da Rejacha, o de Roque, oVello ou a Moíña, entre outros.
O emprazamento do Muíño de Louredo debía ser ideal para o mel, xa que existen restos de antigas alvarizas de pedra situadas ao seu carón, e tamén outras máis novas nos seus arredores.
https://www.youtube.com/watch?v=XRDLpRHitDE
Explora Dumbría – Muíño de Louredo – O Ézaro – Dumbría
Era habitual que o muíño fose de varios propietarios, tendo cada familia asignado un día determinado para ir moer o millo. No caso de non poderen acudir no seu día, debían agardar ata a quenda da semana seguinte.
O tramo do río onde se localizan o maior número de muíños tamén era empregado para lavar as roupas de cama e poñelas ao clareo.
Características da rutaCIR Monte Pindo - Muíño de Louredo.
Lonxitude do trazado: 4.000m (+/-)
Pendente media: 6%
Cota de inicio: 7 msnm
Cota de fin: 91 msnm
Desnivel: 84 m
Dificultade: media - baixa
Duración: 1:30h (ida)
Funcionamento do muíño:
A auga do río é canalizada ata o embude que se atopa detrás, no caso do Muíño de Louredo. Esta auga cae batendo contra o rodicio activándoo e poñendo en movemento, a través do eixo, a pedra circular chamada "moa"; a encargada de desfacer o millo mentres choca coa outra pedra chamada "pe" e saíndo así a fariña.
Xa o teríamos todo para comezar a amasar e a facer empanadas de millo... mmmm... Quen se apunta??
O Pozo Encantado de Salgueiros é tamén coñecido como O Pozo Negro. Está emprazado no río Bustelo, preto da desembocadura do Río Castro.
O pozo foi feito como consecuencia dunha fervenza duns 4 metros de alto que, co paso dos séculos perforou a rocha ata crear unha enorme pía, ao mesmo tempo que parte do caudal lograba fuxir por un camiño estreito provocando un pozo con abundantes remuíños.
Na súa beira dereita está unha gran rocha que sostén un antigo muíño fariñeiro coñecido como Muíño do Pozo. Este muíño é anterior ao 1753 e era propiedade do presbítero Roque de Noya, do lugar de Prado (Salgueiros).
Os veciños da comarca cren que o muíño está enmeigado e así o transmitiron de xeración en xeración , creando medo na xente que pregunta por el. Hai quen di que pola noite aparecían luces brillantes que manaban do pozo, acompañadas de choros e lamentos na contorna da fervenza. Todo este medo debeu xurdir tralo afogamento dun veciño a finais do século XIX en estrañas circunstancias.
Na metade do século XX suicidouse unha muller, tirándose do alto da rocha e os lugareños de Pazo e Cernado pasaron moitos traballos para recuperar o corpo.
Este lugar é coñecido como Leiras da Prata e na súa contorna había catro cruceiros. Antes da Guerra Civil, xurdiron acontecementos misteriosos... O Cruceiro de Reboredo, o do Petón dos Muíños e a Cruz de Pazo desapareceron sen deixar rastro. Segundo xente maior do lugar de Prado, o Cruceiro de Ceáns estaba nunha finca privada. O dono rompeuno para pechar unha leira e a partires dese momento esa familia comezou a sufrir tremendas desgrazas ata desaparecer toda ela.
Todas estas historias quedaron moi gravadas na memoria da xente do lugar e así o foron transmitindo de xeración en xeración, creando un halo de misterio e de medo arredor do Pozo Encantado.
‼ Se nos visitas vindo de fóra da comunidade autónoma galega, sexas ou non de Galicia 👇
https://www.youtube.com/watch?v=QFeICslwcFE
💦 FERVENZA DO ÉZARO & COVID19
En Dumbría temos en marcha un programa de protección e información directa á veciñanza pola COVID-19. Un plan participativo, en beneficio de todos, e queremos seguir sendo un concello seguro.
Estamos desexosos de volverte a ver polo noso Concello e compartir xuntos a fermosa Fervenza do Ézaro.
Por iso pedímosche a túa colaboración para seguir facendo de Dumbría un concello seguro para todos.
Sigue a recomendacións e goza Dumbría.
https://www.youtube.com/watch?v=vQtzNWx8LmE
Este ano non haberá iluminación nocturna para evitar aglomeracións, como medida de prevención fronte á COVID-19.
⚠ AVISO:
Durante as fins de semana do verán, o acceso á Fervenza do Ézaro estará regulado por membros de Protección Civil do Concello de Dumbría para tratar de ordear o espazo limitado do entorno da Fervenza do Ézaro, co fin de evitar atascos e fomentar unha mellor experiencia por parte de todos os visitantes.
😷Agradecemos de antemán a comprensión e non esquezan a máscara no coche!
ℹ OIT ÉZARO & COVID19
https://www.youtube.com/watch?v=fAeYsXpVa5s
A Oficina de Turismo do Ézaro, Dumbría, aposta polo TURISMO SEGURO e, para iso, ten en marcha un protocolo Covid19.
O seu bo funcionamento depende de todos: técnicas de turismo + visitantes + persoal de limpeza e desinfección.
🚽 ASEOS PÚBLICOS & COVID19
💦👏😷 Non esquezas a máscara nin desinfectar as mans antes de entrar aos WC públicos.
https://www.youtube.com/watch?v=F-tPJcPX2bo
👍 Gozar dun verán atípico pero fóra da casa depende de todos!
A enerxía hidráulica foi empregada dende a antigüidade para moer a fariña e para realizar outras tarefas. No Concello de Dumbría a hidroelectricidade ten unha marcada presenza.
Son catro os encoros existentes no río Xallas-Ézaro, cuxa principal función é a de controlar o caudal do río para o funcionamento das centrais hidroeléctricas e como abastecemento de auga para outros concellos da zona.
O encoro que se atopa no primeiro tramo do río é o Encoro da Fervenza, un dos máis importantes da provincia da Coruña. Abrangue terreos dos concellos de Dumbría, Mazaricos, Vimianzo e Zas. Foi construído en 1967.
Hai máis de 50 anos que gran parte da parroquia mazaricana dos Vaos quedou baixo as augas do río Xallas debido á construción do encoro. Ducias de familias tiveron que abandonar as súas vivendas e as súas terras. Agora só quedan a igrexa, o cruceiro e as sepulturas que foron trasladadas, pedra a pedra, ata a aldea do Niñán.
Esta presa xera parte da enerxía que emprega Xeal nas súas fábricas de ferroaleacións. Antigamente o que agora é o encoro da Fervenza, era unha canteira de rutilo ou óxido de titanio, un mineral estratéxico entón empregado sobre todo na soldadura como material para os eléctrodos. Aínda que tamén se empregaba na época como substituto do diamante para producir xemas ou como base de titanio metálico. Hoxe en día, este tipo de material emprégase na tecnoloxía láser.
Galicia está situada nun punto estratéxico da xeografía, a cabalo entre dous mundos diferentes, a rexión atlántica e a mediterránea, o que lle permite atopar nun reducido espazo especies características destas dúas áreas bioxeográficas.
AULA NATUREZA DE VILAFERNÁNDEZ
A área recreativa de Vilafernández localízase nun paraxe inigualable, ao carón do encoro da Fervenza. Esta área conta cun parque infantil, un refuxio con chemineas a disposición de calquera usuario previa reserva e sen custe, ademais de aseos e de varios puntos de observación de aves.
Dende o observatorio ornitolóxico pódese contemplar un amplo espazo natural poboado de aves acuáticas de diferentes especies onde atoparon un lugar no que vivir, especialmente no inverno, cando acolle aves procedentes de latitudes máis setentrionais.
A profundidade do Encoro da Fervenza non é moita, polo que é un bo lugar para observar aves que se alimentan no fondo e capturan peixes mergullándose.
MELLOR ÉPOCA: De decembro a marzo e de setembro a outubro.
PUNTOS CHAVE:
Os campos que rodean o encoro en inverno son un bo sitio para observar o escaso pimpín do norte e os tordos reais.
Nas augas abertas do encoro é frecuente o mergullón cristado todo o ano e, no inverno, o pato chupón e o cormorán moñudo.
En primavera e outono podemos ver outras especies en migración como a gaivota escura ou o a gaivina negra.
En primavera podemos observar o millafre negro e o falcón peregrino.
É, sen lugar a dúbidas, un lugar paradisíaco para os amantes da ornitoloxía.
Unha nova entrega do Explora Dumbría! Hoxe, gravado e non en directo, xa que a cobertura non nolo permitía.
A pequena central da Eléctrica Cereijo construíuse na beira dereita do río Brens, tamén chamado Río Buxantes, a comezos do 1.900; vinteséis anos máis tarde deixa de producir electricidade debido á súa baixa rendibilidade e ás dificultades de ampliación.
O industrial Ceense Juan Cereijo herdou en 1884 unha importante herdanza a cal lle serviu para levar a cabo na comarca diversos investimentos, entre os que destaca a pequena central termoeléctrica no río do Carboal ou de Buxantes, tamén chamado río de Brens. Juan Cereijo, ademais de ser o dono da sociedade “Electra Cereijo” tamén era alcalde de Cee, alá polo 1905.
A electricidade de Electra Cereijo serviu para que a vila de Cee desterrase os candís de aceite e os farois de petróleo, carburo e gas en 1905. Un ano máis tarde, en 1906, a electricidade chegaría a Corcubión e, pouco despois, a Fisterra.
Para o aproveitamento hidroeléctrico construíuse unha presa no río, derivándose as augas pola marxe dereita por un canal duns 350m de lonxitude ata a cámara de carga. Dende ela, salvando un desnivel duns 35m, baixaba a tubaria metálica de algo máis de 170m de lonxitude ata a casa de máquinas, edificada unhas decenas de metros augas arriba do coñecido como Muíño de Pou.
Para paliar a irregularidade do curso fluvial e a forte variabilidade estacional, o equipamento hidráulico da Electra Cereijo complementábase cunha caldeira e unha máquina de vapor que accionaba o alternador cando a potencia da máquina hidráulica resultaba insuficiente para as necesidades do servizo.
Aínda que a concesión a favor da Electra Cereijo foi fixada en 20 anos, as frecuentes interrupcións do servizo farían que o Concello de Corcubión convocase un novo concurso para a subministración eléctrica nos comezos do 1926. Consecuencia disto, Juan Cereijo retiraría todas as lámpadas da vía pública da vila, argumentando que o concello lle debía 2 anualidades de subministración. O novo contrato seríalle adxudicado a Electra del Jallas.
En 1905 contaba cunha turbina hidráulica de reacción, tipoFrancis de cámara aberta, que arrastraría o alternador. Posteriormente o aproveitamento contaría co complemento dunha caldeira alimentada con carbón que faría funcionar a máquina de vapor que arrastraba tamén o alternador eléctrico.
Ollo! É un lugar de moi complicado acceso. Non debe ir unha persoa soa. Débese acceder acompañado de alguén que coñeza a zona!
Directo emitido desde o Chan das Lagoas, en Berdeogas, o punto de maior altitude do Concello de Dumbría, 530 msnm.
Aquí atópase a Estación de Control Marítimo, que pertence ao Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo de Fisterra,un dos cinco mellores radares de control de tráfico marítimo do mundo. Foi construído como consecuencia do Prestige.
https://www.youtube.com/watch?v=0Pc3HBS4nPE
Explora Dumbría no Chan das Lagoas - Berdeogas - Dumbría
Aquí atoparás un impresionante miradoiro desde onde ver os montes de Malpica, o val de Soneira, a comarca do Xallas, a serra do Barbanza, o Monte Pindo, o cabo Fisterra, o litoral de Muxía, ... En días despexados, as antenas do Monte Pedroso en Santiago e o Pico Sacro de Boqueixón.
O Chan das Lagoas real está noutro lugar, a uns 1.600 m deste punto, onde nace o río Hospital. Este lugar era coñecido como o Alto da Cruz de Cabral. Pero tamén hai quen lle chama o Balcón da Costa da Morte.
Lugar estupendo para gozar dun día sen vento e despexado!
É unha das grandes voces que temos en Dumbría. É unha apaixonada da música tradicional. Paixón que comparte co seu irmán, Samuel, que é un grandísimo bailador, como xa o era tamén o seu avó.
Desde os cinco aniños e ata o 2017 formou parte da escola de música e baile tradicional da ACR As Neves de Buxantes. Alí era unha das cantareiras do grupo Mar Adentro, formado por rapaces e rapazas de Dumbría. E antes diso, recorda que con Lurdes, a súa mestra na escola unitaria de San Crimenzo, xa empezou a dar os primeiros toques na pandeireta.
En 2015 incorporouse ao grupo dos Gaiteiros de Buxantes (tocando o tambor), que, á súa vez, forma parte da banda Invernía.
Rebeca tamén canta no grupo de pandeireteiras de Invernía, Folerpas.
Acompaña aos coros a Sés nos seus traballos e concertos desde 2017.
E colabora ocasionalmente co cantautor vimiancés, de nai dumbriesa, Serj.
No campo académico, Rebeca é graduada en Terapia Ocupacional pola Universidade da Coruña. Cursou tamén un máster en Xerontoloxía, do cal se atopa actualmente rematando o TFM.
Ben seguro que é complicado organizarse para facer tantas cousas a un tempo!
XOTA DE SANTA UXÍA. Rebeca Rama interpreta aquí a Xota de Santa Uxía.
https://www.youtube.com/embed/yUUzDGxwnu0
Imposible facelo con máis sentimento, máis bonito e mellor cantado!
Esta Xota de Santa Uxía foi recollida a principios dos 2000 por Álex Insua, profesor da asociación As Neves, a veciños de Santa Uxía, As Covas e San Crimenzo.
Na asociación foi onde a aprendeu Rebeca, xa que o Grupo Mar Adentro foi o encargado de poñerlle a música á interpretación do baile por parte do grupo de rapaces e rapazas maiores da mesma asociación, Furacán.
Deixámosvos aquí o enlace para poder ler a entrevista que Santiago Garrido lles fixo a Rebeca e Samuel para La Voz de Galicia.
👶👦👧 Orde SND/370/2020, 25 de abril, condicións nas que deben desenvolverse os desprazamentos por parte da poboación infantil durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.
Habilítase aos nenos e a un adulto responsable a circular polas vías/espazos de uso público: causas de asistencia e coidado de persoas maiores, situación de necesidade e calquera outra actividade de análoga natureza, sempre e cando se respecten os requirimentos para evitar o contaxio.
‼👇
‼ Circulación limitada a: 1 paseo diario, dun máximo de 1 hora de duración, a unha distancia inferior a 1 km do domicilio do menor e entre as 9:00 e as 21:00h.
Non poderán facer uso desta habilitación os nenos que presenten síntomas ou estean en illamento domiciliario debido a un diagnóstico por COVID-19.
Desprazamentos enténdense sen prexuízo dos permitidos para os menores de 14 anos no artigo 7.2 do RD 463/2020, do 14 de marzo.
REQUIRIMENTOS PARA EVITAR O CONTAXIO
Paseo diario: máximo en grupos de adulto + 3 nenos.
Durante o paseo: manter a distancia con terceiros de, polo menos, 2 metros e cumprir coas medidas de prevención e hixiene.
LUGARES PERMITIDOS
Calquera vía ou espazo de uso público, incluídos os espazos naturais e zonas verdes, sempre que se respecte o límite máximo de 1km con respecto ao domicilio do menor.
Prohibido o acceso a espazos recreativos infantísao aire libre e a instalacións deportivas.
ADULTO RESPONSABLE
Enténdese por adulto responsable aquela persoa maior de idade que conviva actualmente no mesmo domicilio do menor ou un empregado do fogar a cargo do menor. Cando o adulto responsable sexa unha persoa diferente aos proxenitores, titores, coidadores, acolledores ou gardadores legais ou de feito, deberá contar cunha autorización previa destes.
É responsabilidade do adulto responsable garantir que se cumpren durante a realización do paseo diario os requirimentos para evitar o contaxio.
DISPOSICIÓN ADICIONAL ÚNICA. Menores de 14 anos que residan en centros de protección de menores, centros habitacionais sociais de apoio para persoas con discapacidade ou outros servizos residenciais análogos: As CCAA poderán adoptar as medidas necesarias para adecuar a aplicación do BOE-A-2020-4665.
DISPOSICIÓN FINAL PRIMEIRA. Réxime de recursos.
DISPOSICIÓN FINAL SEGUNDA. Efectos e vixencia: a presente orde terá plenos efectos dende as 00:00h do día 26 de abril de 2020 e manterá a súa eficacia durante toda a vixencia do estado de alarma e as súas posibles prórrogas.
Ao longo deste mes de abril, estivemos achegándovos a obra de autoras de aquí, de mulleres vencelladas dun ou doutro xeito ao noso concello.
ALGÚNS DATOS SOBRE SUSANA
Susana Sambade Casais naceu en Londres, filla de pais galegos, do Ézaro, en Dumbría.
A súa formación académica e profesional desenvólvea no Reino Unido, onde amosa diferentes inquedanzas polo mundo das artes, a cultura e as novas tecnoloxías. A lectura e os libros sempre estiveron moi presentes na súa traxectoria e hoxe queremos descubrir un pouco máis das súas creacións.
Esta publicación baséase en dúas exposicións, ambas igualmente importantes dentro da historia cultural dos anos sesenta e setenta. A primeira é unha serie de imaxes icónicas de The Who antes do seu gran momento en 1966 e a segunda, The Black House amosa uhna zona pobre de Islington, no norte de Londres, case unha década despois. Ambas exposicións estiveron no London College of Communication entre 2007 e 2008 e ambas foron inspiradas polo traballo do fotógrafo Colin Jones.
Esta publicación baséase nunha exposición de poesía e arte inspirada en temas sociopolíticos das últimas tres décadas da historia de Sudáfrica. Os gravados en linóleo e as diferentes obras de arte son un poderoso rexistro de tempo e lugar. Máis alá das imaxes hai unha retórica notable sobre a identidade africana, expresada no estilo dos suxeitos e a visión do entorno.
ENTREVISTA
1. Como xorde a idea de escribir este libro?
Na miña adolescencia, Flora, a miña profesora de clases particulares no verán, para axudarme a mellorar o castelán deume a ler Gustavo Adolfo Bécquer, coas súas poesías; e "O bosque animado" de Wenseslao Fernández Flórez. Tratei de escribir poesías e contos coma eles, usando o meu entorno como inspiración, que naquel momento era O Ézaro: natureza, cultura e xente. Despois, en Londres, Rosalía de Castro e Castelao eran a miña inspiración para capturar a morriña que sentía. O título xurdiu porque as poesías foron escritas cando era unha adolescente. Andrés Suárez, Pepe do Fieiro, Elba Shin, Maribel Rodríguez (Ézaro) e Belén Maldonado axudáronme a seguir perfeccionado o meu estilo, ademais do meu castelán.
2. De que trata a obra?
Aborda temas e sentimentos que marcaban aquela época. A morriña, como dixen antes, as festas, "amores", meu avó, que morrerá cando tiña 10 anos...Vamos, cousas que son tan importantes cando es adolescente. Por iso non cambiei nada do que escribín ao editar, porque aínda que xa non son a mesma, segue formando parte de min.
2. Dende cando escribes? Tes outras publicacións?
Acórdome que sempre me gustou inventar contos. Aos 11 anos foi cando por primeira vez me atrevín na escola inglesa a escribir unha poesía sobre a neve para un concurso. Publiquei varios libros e artigos académicos en Inglés. Unha poesía miña en Inglés está no libro "Dog Kennel Blues", editado por Tony Wailey, e eu. Contén tamén un artigo académico escrito polos dous sobre comunidades de práctica.
3. Que significa para ti poder escribir e chegar a tantas persoas coa lectura e as letras?
Cando escribo, estouno facendo para min. Entón, cando alguén le algo que escribín e me contan, por exemplo, como se identifican cun sentimento e a súa interpretación do escrito, facéndoo seu, pois é interesante. Algúns pensan que escribín sobre eles e faime gracia porque o que escribo é un popurri de diferentes aconteceimentos e persoas que vivín o viviron outros.
4. A quen admiras como escritor ou escritora?
Difícil pregunta, son muitos! Pero, se teño que escoller, sería J.K.Rowling, non polo éxito enorme que tiveron os seus libros senón que, a pesar de pasar momentos moi duros na vida, ela seguiu escribindo porque era a súa paixón dar vida a eses personaxes e ás súas historias. Investigou moito para crear un mundo que fose crible aínda que fose fantasía e nótase. O acto de escribir axudoume neses momentos, da mesma maneira que algúns van pasar unhas horas na leira plantando cebolas non só para comer senón tamén para distraerse, calmar a mente. Para min escribir, coma plantar cebolas ten o mesmo efecto, pois quero descubrir co tempo como vai saír. Pero, saia como saia, vale a pena intentalo. Sempre se aprende algo.
5. Que consellos lle darías aos nosos veciños e veciñas de Dumbría para que leran máis?
Busca libros, cómics, o que sexa do tema que che interesa. Le un libro aínda que sexa só 5 minutos antes de durmir, no autobús, na cafetería esperando por uns amigos ou esperando para que o cocido que fixestes estea listo. Mentras, sumérxerte dentro das páxinas. Pode ser beneficioso para a saúde, pois nese tempo sácache dalgún xeito do mundo real. Pero non te olvides do cocido! 6. Tes algún libro máis, pendente de publicar?
Teño unha novela, unha colección de contos, máis poesías...Pero todo leva o seu tempo.
7. Que libro ou libros estás lendo neste momento?
Son unha persoa que le varios libros ao mesmo tempo. Depende do que me apeteza ler naquel momento. É un pouco coma ver diferentes series en Netflix á vez. Un que estou lendo en castelán é "Magic Book", de Raúl de Tomás, Ángel Torres e Ana Vázquez. É un libro interactivo porque o lector ten que facer trucos máxicos para axudar á protagonista. Gústame probar libros que proban a facer algo innovador coma isto.
8. Gústache ler en dixital ou prefires o papel?
Agora vaime gustando máis o kindle porque podo ler os libros co tipo de letra "Opendyslexic" que é perfecto para xente coma min, que somos disléxicos. Podo tamén cambiar o tamaño da letra, o color do fondo, se non sei unha palabra toco e xa me dá a explicación, e podo levar tantos libros como queira a todos os lados. Kindle aplicación pódese ter tanto no móbil coma no ordenador, entón sempre o tes á man. Eu teño kindle paperwhite, que dá a sensación dun libro e podo desconectar sin notificacións. Confeso que boto de menos o sonido de pasar as páxinas e o olor a libro. Aínda compro libros en papel, especialmente se conteñen ilustracións.
9. Que autor ou autora da Costa da Morte che gustaría recomendar?
Pepe do Fieiro, pois escribe sobre o que primeiro me inspirou O MONTE PINDO.
Outras entrevistas neste blog a autores e autoras vencellados a Dumbría, ben polo seu nacemento, os seus lazos familiares ou a temática e inspiración da súa obra: