Pasar al contenido principal

ABRIL, MES DOS LIBROS. 2020

Ao longo deste mes de abril, queremos achegarvos a obra de autoras de aquí, de mulleres vencelladas dun ou doutro xeito ao noso concello.

 

DATOS BIOGRÁFICOS

Laura Suárez naceu en 1994 e vive en Cee; aínda que naceu en Dumbría, coma toda a súa familia, que son naturais das parroquias dumbriesas de Dumbría, Berdeogas, Olveira e Olveiroa.

É unha autora e ilustradora galega que medrou entre os cómics e os libros ilustrados que lle regalaban seus pais, sendo ese o cemento sobre o cal se construíu a súa paixón pola literatura e o debuxo.

O seu traballo realízase na súa maioría con técnicas mixtas, mesturando ferramentas dixitais con tradicionais, coma gouache ou lapis de cores.

Está especializada en ilustración infantil cómic.

Publicou os seus traballos con editoriais como XeraisBaula do Grupo  EdelvivesDibbuks ou B de Blok, de  Penguin  Random House, tamén participa ilustrando en revistas como Cocoter e Time Out… entre outros.

Podes ver máis do seu traballo en:

https://www.laurasuarez.org/

https://www.instagram.com/auralez/

 

O LIBRO

Laura asinando un exemplar de Los Cuentos de la Niebla

Título: Los cuentos de la Niebla

Autora: Laura Suárez

Editorial: ibbuks

Prezo de venda: 18€

ISBN: 978-84-17294-46-5


SINOPSE: 

Unha aldea no norte de España nos anos 30, cando a luz non chegara ás estradas. Unhas lendas  atemporais que enfrontan o  paranormal e o realismo  preguerra. Unha maneira de darlle sentido á escuridade, á morte e á néboa dunha terra esixente. Os contos da néboa son estes que che contaron de pequeno, unha e outra vez, as tardes de choiva e as noites de inverno. Contáronchos a túa avoa, a túa nai ou un veciño, para que te portases ben. Non sabes se crelos, pero cóntanos no teu pobo, no pobo veciño e en toda a rexión... Entón serán verdade, non?

As historias son herdanzas culturais, recibidas a través de familiares da autora, que quixo plasmar cun trazo  torturado e unhas páxinas en branco e negro de atmosfera inquietante.

Laura colleume da man, sentoume aí e contoume cousas sobre a Santa Compaña, sobre o  Vidoiro, sobre campos fríos e xente vestida de negro. (…) son fermosas historias de terror. Non  podo pedir máis.” – Prólogo de Torres

https://www.dibbuks.es/es/catalogo/los-cuentos-de-la-niebla

 

ENTREVISTA

1. Como xorde a idea de escribir, “Los cuentos de la niebla”?

Todo comezou coa intención de realizar un proxecto persoal, algo que vivira eu de primeira man e sobre todo, que puidera expresalo graficamente.

Un día, cando vivía en Barcelona e estaba paseando co meu pai, comenteille que estaba buscando unha idea para un cómic. Pero o problema era, que cada vez que me enfocaba nun tema e quería poñerme a traballar, non saía nada. Comprendín que non sería todo real e sincero que quería que fose. Quería contar algo que fora meu, que me representara. E así xurdiu o recordo da miña avoa Lola contando historias da súa infancia, a vida daquel entón, os rituais de San Xoán…etc


2. De que trata a obra?

É unha recompilación de catro relatos: o Demo, a Roldiña, o Vidoiro e o Aire.

Todas están recollidas por un micro-relato que fala da relación coa miña avoa. Pero profundando, son historias que unen á Galicia profunda e rural da posguerra coas lendas máis antigas, todas baseadas en feitos reais, algunhas máis que outras.

A idea principal é pasar ao escrito esas historias que nos contan os nosos maiores, pero que pouco a pouco, por vergoña ou paso dos anos, quedan no olvido. Foi unha maneira de contar a historia da miña avoa.

Laura e a súa avoa Lola Moledo, nada en Olveiroa – Dumbría


3. Dende cando escribes? Tes outras publicacións?

Escribindo e pintando levo toda a vida. Xa cando era pequena encantábame escribir as miñas propias historias, para min, debuxalas e preparar os meus propios libros ilustrados e grapalos ou “encolalos” con celo na miña casa. Nunca deixei de intentar ser creativa.

Los cuentos de la niebla” foi a miña primeira obra publicada, pero a súa vez, cun par de semanas de diferencia, saquei un álbum ilustrado coa editorial Baula, do grupo Edelvives, tamén escrito e ilustrado por min, que se titula Una bona amiga (está en catalán).

Esas dúas publicacións foron as primeiras, tamén as que están agora no mercado como autora e ilustradora. A finais do verán do ano pasado, colaborei coa editorial Xerais na colección Merliño, ilustrando un conto da incrible Ledicia Costas, “Conexión macarrón”.

4. Que significa para ti poder escribir e chegar a tantas persoas coa lectura e as letras?

Só con pensar que alguén pode ler o meu traballo xa sinto unha felicidade inmensa, o feito de que chegue e transmita sensacións, sentimentos, ou simplemente faga reflexionar, toca moito. Fai que sexas consciente da importancia da lectura.

Os libros son poderosos, e aprendemos con eles moitísimo máis do que cremos.

5. A quen admiras como escritor ou escritora?

En verdade, admiro a moitos escritores. Teño gustos moi variados, xa que, por exemplo, dous dos meus escritores favoritos son Edgar Allan Poe e Roald Dahl.

Despois tamén me encanta a poesía, coma a de Rosalía de Castro ou Celso Emilio Ferreiro.

6. Que consellos lle darías aos nosos veciños e veciñas de Dumbría para que leran máis?

Poñerse en obxectivo un tema que lles agrade, ao principio pode dar pereza pero despois xa lle collerán o gusto. É simplemente deixar de relacionar a lectura coma algo obrigatorio e relacionalo co ocio e a diversión; que comecen cun tema que lles guste e o libro acabarase en nada e, despois diso, xa verá o seguinte.

7. Tes algún libro máis pendente de publicar?

Xusto agora sairá, antes do verán, unha colaboración que realicei con B de Blok, do grupo Penguin Random House. O libro é unha recompilación de contos tradicionais españois, está escrito por Magela Ronda e eu realicei as ilustracións. Teño moitas ganas de velo impreso xa que foi un proxecto moi divertido e bonito de facer.

Despois do verán, sairá a colaboración que fixen con Moppet Books de California, un álbum ilustrado no que tamén ilustrei o texto dun autor. Gústame moito tamén traballar desta forma, o intercambio de conceptos e ideas enriquece moito.

8. Que libro ou libros estás lendo neste momento?

Agora mesmo estou comezando a ler un libro en inglés que analiza todo o traballo cinematográfico do director Wes Anderson, pero vou pouco a pouco.

Antes estiven lendo “Viva La Dolce Vita” de Maximo Huerta, ilustrado por María Herreros e en cómic, “Amphigorey too”. Este último é unha colección de viñetas dun dos meus debuxantes favoritos, Edward Gorey.

9. Gústache ler en dixital ou prefires en papel?

Papel. Encántame a textura, o movemento das páxinas, como ule… Os libros son como pequenos obxectos de artistas, hai edicións preciosas que son merecedoras de estar en museos.

10. Que autor ou autora da Costa da Morte che gustaría recomendar?

Recomendaría a un clásico que ademais, foi profesora miña, Concha Blanco. Admiro moito a esta autora, dende moi pequena lin os seus libros, xa sexa eu soa, coa miña nai ou coa miña irmá. Creo que foi unha das miñas maiores influencias na miña infancia. Véndoa deime conta que era posíbel ser autora, só había que traballar moi duro. É algo que sempre lle vou agradecer.

Abril de 2017

DATOS BIOGRÁFICOS:

Xaime Trillo (Bustelo, Dumbría, 1974)

Traballou de vendedor, freganchín, camareiro, na obra civil e de traballador forestal. 
Actualmente está no paro.
Foi membro do colectivo BLAS ESPÍN e do BATALLÓN LITERARIO DA COSTA DA MORTE.  Publicou poemas nos libros colectivos Nós (1997) e  Rumbo ás illas (1997), así como nas revistas FEROS CORVOS e ESPRESSO-M
Dende hai catorce anos forma parde do COSAL-Costa da Morte.Anatomía da ira (Caldeirón, 2016) é o seu primeiro libro de poemas que ve a luz.

1.- Como xorde a idea desta primeira obra?           

É no verán do 2012, cando Pepa Fandiño, nese momento concelleira de cultura do concello de Cee, me chama para que participe no Agostiño cultural. Eu levo anos escribindo os poemas de Anatomía da ira, cos que participo en actos do COSAL-Costa da Morte, do que son membro, e nos da Organización Feminista BUSERANA; pero é a partir do Agostiño cultural cando decido darlle forma de libro.

2.- Canto tempo  hai que escribes?           

Con trece anos xa facía poemas. O que pasa é que cando abandonei o Batallón Literario deixei de escribir e estiven bastante tempo sen facelo. Pero nunca deixei de ser poeta.

3.- Como te sentes, xa que todo é novo para ti: presentacións, entrevistas,… ?           

Pensaba que sería con normalidade. Mais logo encontro que hai lectoras que descobren nos meus versos cousas que eu non sabía, ou das que eu non me daba conta, e, claro, fascíname. Nunca perdemos a capacidade de abraio.

4.- Cóntanos que nos imos atopar en Anatomía da ira? 

É un libro que xorde da necesidade de conxurar a infamia. Eu son militante do COSAL-Costa da Morte. E iso significa que estou moi exposto a certas cuestións: a causa palestina, a situación da muller no mundo, das multitudes asoballadas polo poder, e a cólera aflora no que escribo. É un libro político, incardinado na tradición da poesía galega internacionalista, que nos anos 70 do pasado século deu poemas espléndidos, coma o Vietnam canto de Novoneyra, o Sirventés pola destrución de Occitania, de Ferrín, e o Laio e clamor pola Bretaña de Manuel María.

 

5.- Que é para ti a poesía, e que che aporta a nivel persoal escribir? 

Non é doado dar unha resposta. Tal vez sexa atracción polas palabras e a necesidade de expresar con elas todo o que nos asombra. A nivel persoal, teño a satisfacción de estar facendo un traballo útil. Aínda que ese traballo, a nivel social, se valore máis ben pouco.

6.- A quen admiras como escritor ou escritora?           

Hai autoras e autores que me veñen acompañando dende que era un cativo. Rosalía, Neruda, Whitman… Máis tarde sumáronse outras. Algunhas están na miña máis profunda predilección. Falo de Pimentel, Cernuda, Cunqueiro, Safo, Gamoneda, Ferrín, Lorca, Eugénio de Andrade, Vallejo, Celán, Valente, Martín Códax, Machado, Eliot, Dylan Thomas, María Mariño…            Tamén, as últimas xeracións do país nosos agasalláronme con poemas enormes de Pilar Pallarés, Lois Pereiro ou Olga Novo.

7.- Que lles dirías á veciñanza de Dumbría para que lesen máis?           

Que os libros son fundamentais para saber quen somos. Todo o saber acumulado a través do tempo está dentro dos libros. Neles latexa a condición humana. Fannos mellores. E a nosa capacidade cognitiva mellora coa lectura.

8.- De que tratará a t úa seguinte publicación?           

Hai un novo libro de poemas ao que xa lle puxen o ramo, e que versa sobre a resistencia.

9.- Que libro hai na túa mesiña de noite?           

Se te refires ao que estou a ler agora, estou con No tempo de Follas Novas, un ensaio sobre autoras e autores de todo o mundo contemporáneos de  Rosalía de Castro. Está coordinado por Pilar García Negro.

10.- Gústache ler en dixital, ou prefires o papel?

Prefiro papel. O que pasa que as tecnoloxías son moi dinámicas, e hai libros que antes eran inencontrábeis e agora xa non o son. Antes, cando eramos adolescentes, había textos aos que non podiamos acceder. Agora, se estás conectado, podes. E ademais tes outros soportes para publicar. Este é un logro da internet.

ENTREVISTA A PEPE DO FIEIRO: 13.03.2019

 – Sei que de neno ía coas cabras ao monte. Cando foi a primeira vez que subiu ao Monte Pindo coas cabras? Qué idade tiña? Qué lembra desa experiencia?

 – Non me recordo, pero seguramente sería no ano 1941-42, eu era neno e tería sobre uns 7 anos. Lémbrome que íamos os compañeiros do lugar, eles eran maiores que min. Pasábamos o día buscando polos tesouros que nos contaban os nosos avós, os que deixaran os habitantes do monte, os que se lles coñecían como “os mouros”.

 – Qué facía para pasar o tempo mentres estaba coas cabras no monte?

– Xogábamos, vixiábamos as cabras e buscábamos as cabanas onde se refuxiaban durante a Guerra Civil.

 – Fíxolle algunha vez o remedio do “formiguiño” a algún animal?

– Non, eu non o fixen nunca. Pero recordo verllo facer aos veciños do pobo. Facíanllo ás vacas que tiñan unha enfermidade nas patas, nos cascos das patas. Mirábaselle primeiro se tiñan as chatolas das zocas cravadas nas patas, pero se non as tiñan e coxeaban, dicíaselle que tiñan o mal do “formighiño”. Levábase a vaca ao campo, arredor do casco marcábase, arrancábase nove veces o terrón onde estivo o casco da pata da vaca e púñase na lareira, para que fose ardendo pouco a pouco. Ao arder o terrón, a vaca curaba e deixaba de coxear.

 – Cómo foi a súa etapa de nenez? Cómo a recorda?

– Recordo unha época feliz porque no monte pasabámolo moi ben, aínda que non comíamos en todo o día porque marchabamos á mañá da casa e ata a noite non volvíamos. Enredábamos, brincábamos uns cos outros, saltábamos as pedras a ver quen subía máis alto …

– Nunha época na que estudar non era o habitual nin estaba ao alcance de calquera; por qué decidiu estudar maxisterio?

– Iso foi a raíz de haber quedado sen as cabras no monte, porque foron expulsadas pola forestal aproximadamente no ano 1950. Entón ao non poder coidar as cabras, mi padre díxome se quería ir estudar. Fun a Santiago estudar bacharelato e logo maxisterio. Escollín maxisterio porque me gustaba moito ensinar, gustábame ensinar aos rapaces.

 

– Seu pai atopou unha xerra no monte, que na actualidade está no Museo do Pobo Galego. Algunha vez atopou vostede un tesouro no Monte Pindo?

– Non, que recorde eu non atopei nunca nada. Para min a xerra que atopou mi padre é un tesouro; unha xerra que foi construída antes do s.XV e que apareceu no ano 1950, cinco séculos despois.

– Quizais non atopou un tesouro; pero pode que dera cun descubrimento que poucos coñecen. Cál foi?

– Si, esa cruz atopeina fai pouco tempo. Haberá un par de anos. Un día de casualidade, despois de arder o monte, porque esa cruz estaba tapada con maleza. Mi padre, que me ensinou moitas cousas do monte, nunca me falou desa cruz, así que el non debía saber dela.

– Encántalle subir ao monte, mellor acompañado que só e se é como guía mellor aínda. Cando foi a súa primeira vez como guía levando xente ao Monte Pindo?

– Si, só non me gusta ir. A primeira vez foi un verán que vin de vacacións estando en Londres, aproximadamente no ano 1980.

– Lembra algunha anécdota que lle pasara no monte a vostede ou con alguén?

– A primeira anécdota pasoume cando tiña aproximadamente uns 8 anos e estaba coas cabras no monte. Penso que era no verán, ese día fora mi padre e meu irmán ao monte, porque meu irmán atopara un filón de wolframio para ensinarllo a meu pai. Ese día estábamos no alto da moa, eles foran ver a mina que quedaba algo lonxe do alto da moa, cara Carnota, mentres eu quedaba coas cabras. Facía bo tempo, pero comezou a pechar de borraxeira e perdémonos as cabras e máis eu. No medio do camiño atopeime con meu pai e meu irmán, cando eu ía camiño de Carnota pensando que ía polo camiño da casa. Se non fora por eles seguramente iría dar a Carnota.

– Agora dedícase a facer vídeos en directo en facebook para transmitir as súas poesías sobre o Olimpo Celta, poesías que tamén soe ler nas rutas ao monte. Cando comezou a escribilas?

– Estas poesías comecei a escribilas, creo que foi no ano 2012. Como xa estaba na casa xubilado e non tiña moito que facer, comecei a escribir poesías sobre o Monte Pindo cun fin. Para que se recorden os nomes; para que os nomes se coñezan escribo versos explicativos co fin de que non se perdan. Aínda que estes nomes cambian segundo a xente sexa do Pindo, do Ézaro, do Fieiro,…

– Qué é o que máis lle gusta do Monte Pindo?

– Do Monte Pindo gústame todo, pero en realidade o que máis me gusta do Monte Pindo son a Moa e Peñafiel. Tamén me gusta a Casa da Xoana porque moitos que van ao Monte Pindo non van alí. O que máis a Moa e Peñafiel porque son uns bos miradoiros, pero non podería escoller cal dos dous me gusta máis (risas).

– Por qué lle atrae tanto o monte? Por qué sinte esa paixón polo Monte Pindo?

– Creo que foi porque o pasei ben cando fun de rapaz e porque coñezo todos os recunchos do monte, era o parque, a distracción que tiñamos.

– Qué é o que máis botaba en falta cando estivo emigrado no Reino Unido?

– Cando estaba en Londres botaba en falta unha visita que lle debía facer a unhas eguas que tiña no monte. Cando viña de vacacións, que viña todos os anos no verán; o mes que traía de vacacións pasábao no monte coas eguas.

 

– Qué lle gustaría que cambiase no monte? E o que non cambiase?

– Por unha parte, gustaríame que o monte volvera a como era antes. O monte encheuse de maleza. O máis triste para min foi ver o monte abandonado e logo queimado como está queimándose de vez en cando de poucos en poucos anos. Gustaríame ver o monte coidado e os sendeiros limpos.

Gustaríame que cambiase para que se conservase limpo, sen maleza.

– Cómo se imaxina o Monte Pindo no futuro?

– Ao paso que vai, será un bosque de maleza.

– Qué lle gusta máis: o Monte Pindo pola mañá, pola tarde ou de noite?

– Gústame de calquera forma e en calquera momento. Gústame de día cando está despexado. Gústame pola mañá cando o sol sae e pola noite cando se mete o sol no mar, na posta de sol. Tamén me gusta ir de noite ver os fogos artificiais, na véspera do Apóstolo Santiago, pero ten que ser cando está a noite clara. No ano 2010, creo que foi cando fun por primeira vez ver os fogos do Apóstolo porque miña filla preguntoume si se verían e fomos velos con outros amigos.

– Cal é o seu soño? Qué lle gustaría facer? Qué lle gustaría ter feito?

– A min o que me gustaría é ver os sendeiros limpos, para que os turistas poidan subir e baixar sen perderse.

– O seu currículo é extenso: foi cabreiro, mestre, limpador, guía, poeta e agora tamén un gran asiduo ás redes sociais. Vostede que viviu moitos cambios ao longo da súa vida e que está modernizado, qué é o que máis lle sorprende? O que nunca pensou que hoxe sexa unha realidade.

– A min o asunto este do ordenador paréceme unha cousa milagrosa. Na década dos 50 falábase de que ía vir a televisión, que en España aínda non a había. Cando estaba estudando, unha profesora miña de literatura díxonos que algún día chegaríamos a andar co teléfono no peto … eu pensaba que cómo íamos facer co cordón? Penso que ela non chegou a velo, pero nós estámolo vendo.

– Cómo aprendeu a utilizar o ordenador? Ensinoulle alguén?

– Aínda non o sei utilizar. Pero apunteime a un curso de ordenadores na Casa de Cultura do Ézaro e algo aprendín alí. Logo comprei un ordenador e fun probando na casa. Para o meu uso manéxoo o suficiente.

– E as redes sociais?

– Non, non. Aprendín eu. “Clickes aquí e clickes alí”. O ordenador mesmo che vai guiando e vaiche explicando como hai que ir facendo.

Todo un persoeiro que ben paga pena coñecer… Graciñas pola entrevista e por colaborar co Concello de Dumbría sempre que precisamos contar con vostede!

 

Pepe do Fieiro: o Neno que soñaba coa montaña:

 

ENTREVISTA EN VÍDEO:

Abril é o mes dos libros, e dende as bibliotecas do concello temos preparadas varias actividades de animación á lectura para conmemorar o próximo 23 de abril o día Internacional do Libro e os dereitos de autor

Para celebrar este día quixemos contar coa  testemuña do autor do libro sobre o Concello de Dumbría“El Ayuntamiento de Dumbría : historia, tradiciones y costumbres”, editado pola Deputación da Coruña no ano 2009 .
Trátase de Modesto García Quintáns, natural de Vilar, na parroquia dumbriesa de Buxantes.

 – É o primeiro libro editado que recolle toda a historia, demografía, etnografía e tantos outros datos do concello. E, por riba, escrito por un dumbriés. É toda unha honra..

Creo que si, non só para min, como autor, senón para tódolos veciños de Dumbría. Nesta obra recóllese parte dos costumes e tradicións dos nosos antepasados, que se conservaron de forma verbal e que na actualidade se están perdendo polo novo modelo de sociedade na que vivimos.

– Creo que es a primeira persoa do noso concello que ten un libro publicado..

Descoñezo se existe algún outro autor de libros que sexa do concello de Dumbría, polo menos destas características. O que si existen son folletos de carácter turístico.

– O teu libro é froito de moitos anos de recopilación e traballo. Na introdución dis que comezas en torno a 1979. Iso son máis de 20 anos de traballo.

Todo comezou cando estaba no Bacharelato en Cee. O único  entretemento que tiñamos era falar coas persoas maiores, que contaban historias que me gustaban e, para non esquecelas, decidín apuntalas nunha libretiña que sempre levaba no peto. Tratei de ordenalas  por temas e, ao mesmo tempo, comecei a investigar documentos vellos que os veciños me prestaban, ir aos arquivos parroquiais, ao concello e aos organismos oficiais, entre eles o Arquivo do Reino de Galicia. Rematada a obra no ano 1999, non lograba que algún organismo a publicara, ata o ano 2004, por medio da Deputación Provincial, coa intermediación do Concello. A obra orixinal era moito máis completa, xa que fala individualmente de tódolos lugares do concello, pero para que fora menos custosa e menos aburrida quedou reducida á metade.

– Din que se tende a valorar máis un lugar cando non vives nel, foi ese o teu caso?           

No meu caso, que nacín na parroquia de Buxantes, estiven por motivos profesionais fóra de Galicia uns dez anos, pero tódolos veciños de Dumbría me coñecen. Tódolas fins de semana atópanme pola  parroquia onde me criei.

– Cal é o teu lugar favorito de Dumbría?.           

Tódolos lugares de Dumbría teñen o seu encanto. No meu caso, tírame máis a parroquia de Buxantes porque coñezo todo o seu territorio como tódolos rincóns da miña casa.

– Ademais deste libro, tes algunha outra publicación?           

Si, teño máis. Unha delas é o “Roteiro telefónico do Concello de Dumbría,” publicado no ano 2001, moi utilizado como guía polos veciños para localizar, por alcumes, tanto o teléfono como a casa-vivenda. Na actualidade atópase esgotada e sería interesante poder sacar unha nova tirada actualizada.  Outro libro que tamén publiquei é o “Inventario do Patrimonio Relixioso da Parroquia de Buxantes” no ano 2006, correndo cos gastos da publicación eu mesmo. Teño pendente de publicar a “Historia da Capela das Neves de Buxantes”, dunhas 100 páxinas. Outro texto tamén moi interesante para o concello é “Toponimia menor do Concello de Dumbría”, no que están recopilados máis de 6.000 nomes de paraxes das sete parroquias de Dumbría, xeorreferenciadas en coordenadas UTM. Outra das obras na que estou a traballar é a de “Paradoxas e Ditos Populares”, onde están recopiladas máis de 1.500 frases filosóficas. Estes proxectos, moi avanzados, están á espera de que algún organismo poida publicalos.

– Neste tempo de crise estase a falar moito do momento que vive a cultura, ti que opinas? Non a coidamos o suficiente? É importante ou consideras que debería situarse nun segundo plano?           

A cultura é coma a carta de presentación, sexa a nivel de país ou a nivel persoal. Hoxe en día estamos nunha sociedade moi diferente a cando nos criamos alá polos anos 50 do século pasado, onde abondaba o anafalbetismo. A informática revolucionou todo e temos que camiñar con esta tecnoloxía.

– Que che parece  a dixitalización de materias (libros, arquivos sonoros, imaxes) e que toda esta información sexa accesible nas redes?        

Eu creo que é bo que circule polas redes todo este tipo de información porque enriquece o coñecemento. Pero non debemos esquecer que se deben respectar os dereitos de autor.

– Usas as redes sociais? Que opinión che merecen?         

É un medio moderno de adquirir e enviar información ao instante. Pero, de momento, está limitado aos coñecedores destas tecnoloxías. A xente maior está moi limitada por non saber manexalas.

– Os libros son para estar nas bibliotecas ou para estar ó alcance de todos?           

Creo que os libros que están nas bibliotecas están xa ao alcance de todos. O problema está no seu uso. As persoas maiores da aldea non teñen o costume de ir ás bibliotecas, e desde que puxeron o teléfono e apareceu a televisión, tanto ler como escribir supón un gran esforzo mental para moitas persoas. Para fomentar a lectura na casa das persoas de idade, creo que teñen que ser obras con letras grandes, moitas fotos e con temas que revivan a súa infancia. Neste caso, o meu libro sobre Dumbría penso que cumpre ese obxectivo.

– En que estás a traballar nestes momentos?          

Estou dándolle os últimos retoques á toponimia de Dumbría.

– Aparte dos que xa tes editados, que outro libro che gustaría escribir?         

A min gústanme os temas que estean relacionados co concello de Dumbría. Se algún organismo se comprometera a sufragar os gastos ampliaría o contido polo miúdo do libro xa publicado.

– Estás lendo algún libro agora?        

 Neste momento estou lendo un documento moi antigo de finais do ano 1600, cóstame moito traballo pola súa rara caligrafía. E dentro de pouco irei investigar á biblioteca diocesana de Santiago.

 

Gracias Modesto por esta entrevista

Concello de Dumbría é un municipio extenso que se distribúe en sete parroquias: Santiago de BerdeogasSan Pedro de BuxantesSanta Baia de DumbríaSanta Uxía do ÉzaroSan Martiño de OlveiraSantiago de Olveiroa e San Mamede de Salgueiros.

A pesares de seren 7 as parroquias do concello, conta con 10 santuarios relixiosos repartidos polo seu territorio.

Toda unha “experiencia relixiosa” como diría Enrique Iglesias

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

Unha boa parte da historia do Concello de Dumbría pódese reconstruir a través dos seus restos arqueolóxicos achados nas terras das sete parroquias que o compoñen.

Se nos remontamos aos primeiros habitantes, estes eran de orixe “celta”, que se asentaron en lugares protexidos, principalmente nas beiras dos ríos ou nos cumios das montañas.

Algúns estudiosos afirman que o topónimo “DUMBRÍA” procede da combinación de palabras “DUM-BRIGA”, de orixe prerromana e que significa “poboado en altura”.

#DumbríaéCultura #DumbríaéHistoria #DumbríaéArqueoloxía

O contido da expresión “patrimonio cultural” cambiou moito nestas últimas décadas debido, en parte, aos instrumentos elaborados pola UNESCO. O patrimonio cultural non se limita a monumentos e coleccións de obxectos, senon que comprende tamén tradicións ou expresións vivas herdadas dos nosos ancestros e transmitidas aos nosos descendentes; tales como: tradicións orais, artes do espectáculo, usos sociais, rituais, actos festivos, coñecementos e prácticas relativos á natureza e ao universo, así como os saberes e as técnicas vencellados á artesanía tradicional.

Pese á súa fraxilidade, o patrimonio cultural inmaterial é un importante factor do mantemento da diversidade cultural fronte á crecente globalización. A comprensión do patrimonio cultural inmaterial de diferentes comunidades contribúe ao diálogo entre culturas e promove o respecto cara outros modos de vida.

Fonte: UNESCO (Organización de las Naciones Unidas para la Educación, la Ciencia y la Cultura) – Patrimonio Cultural Inmaterial.

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

Primeiro cabe falar do termo etnografía consistente no método de estudo ou investigación social empregado pola antropoloxía, na que se observan prácticas culturais de grupos sociais, que dan conta das súas tradicións e culturas.

As distintas construccións do mundo popular no Concello de Dumbría sitúanse, por regra xeral, arredor das rúas, conformando así núcleos de poboación longos, seguindo os sinuosos camiños que discorren por estas terras.

Pois sobre isto versa este apartado, o estudo de elementos como cruceiros, muíños, fontes, pombais, hórreos,… no termo municipal de Dumbría.

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo

É ampla a oferta patrimonial de carácter civil no Concello de Dumbría, destacando entre os princiapais fitos as casas antigas, as pontes, as centrais hidroeléctricas,…

Toda unha oferta diferente para gozar unha vez máis deste concello!

#DumbríaéPatrimonio #DumbríaéTurismo