
Fervenza do Ézaro
Existe un lugar onde o río se funde co Océano Atlántico, un lugar de lendas, un lugar máxico onde o río se convirte en fervenza para abrazar así a auga salgada do mar.

O río Xallas ou Ézaro determina o carácter do Concello de Dumbría. Atravésao de norte a sur ata desembocar na súa máxima expresión en forma de fervenza directamente sobre o océano; a denominada Fervenza do Ézaro, conformando o único exemplo de desembocadura fluvial deste tipo en Europa.

Antes de converterse en fervenza, o río é retido por catro encoros: A Fervenza, A Ponte Olveira, Castrelo e Santa Uxía. Destacan as pías ou caldeiras que se atopan entre o último encoro e a propia fervenza, que son cavidades naturais construídas ao longo dos séculos polo río. No último tramo do río ten un desnivel de 155 metros e a altura da fervenza é de 40 metros.

Ata mediados do s.XIX, o río Xallas e a súa fervenza coñecíanse como Río Ézaro ou Lézaro. Así se constata nas fontes cartográficas da época. De feito, a primeira referencia cartográfica coa denominación Ézaro aparece na Descrición do Reyno de Galizia (ano 1598).
Dende abril de 2011 a Fervenza do Ézaro está constantemente con agua; as 24 horas do día durante os 365 días do ano.
Un espectáculo que paga a pena ver, unha combinación máxica de auga, natureza, luces de cores e música. A comezos de cada ano, o Concello de Dumbría publica o calendario de iluminación da Fervenza na web municipal, nas redes socias e nos medios de comunicación. Confírmase que no verán 2023 hai espectáculo audiovisual.
Así mesmo, dende a web http://www.dumbria.com podes acceder á webcam da Fervenza do Ézaro para poder vela en directo sen moverte da casa!
ILUMINACIÓN FERVENZA DO ÉZARO
Ven gozar da fermosa Fervenza do Ézaro nas noites máxicas do verán de Dumbría. Durante os meses de xuño a setembro a Fervenza do Ézaro iluminarase polas noites, e poderás contemplar este espetáculo en primeira fila dende a pasarela de madeira que chega ata o pé da fervenza.
Dumbría, NOITES MÁXICAS !

HORARIO
Dende ás 23:00 ata ás 00:00h
DÍAS
XUÑO > 28 I 29
XULLO > 5 I 6 I 12 I 13 I 19 I 20 I 24 I 26 I 27
AGOSTO > 2 I 3 I 9 I 10 I 14 I 16 I 17 I 23 I 24 I 30 I 31
SETEMBRO > 6 I 7 I 13 I 14 I 20 I 21
CONSELLOS:
- Evitar empregar un navegador ou GPS (nesta zona non axuda, soe recomendar a peor estrada).
- Se ves da zona de Santiago – Rías Baixas – Ourense. 2 opcións:
- Estrada de costa: autovía ata Noia, continuar á dereita pola estrada de costa AC-550 dirección Cee, despois de pasar polo pobo do Pindo, xusto despois da ponte hai un cruce á dereita que indica Fervenza do Ézaro.
- Estrada de interior e costa: estrada AC-441 dirección Negreira – Muxía, en Boudañeira xirar á esquerda dirección Berdeogas, chegados ao cruce coa estrada AC-552 dirección Fisterra – A Coruña xirar á esquerda dirección Fisterra, ao chegar a Cee xirar á esquerda dirección Muros, cara o final do pobo do Ézaro, xusto antes da ponte hai un desvío á esquerda que indica Fervenza do Ézaro.
- Se ves da zona da Coruña – Lugo:
- Autopista AG-55 dirección Arteixo – Carballo, continuar pola autovía dirección Fisterra, continuar pola AC-552 dirección Fisterra, chegados a Cee, xirar á esquerda dirección Muros, cara o final do pobo do Ézaro, xusto antes da ponte hai un desvío á esquerda que indica Fervenza do Ézaro.
- Unha vez chegados á zona do porto deportivo do Ézaro, aparcar na zona adoquinada que vai paralelamente ao longo da estrada, é aparcadoiro. Non na explanada, posto que é zona amarela. Continuar un leve paseo a pé a carón do río, enlazando coa pasarela de madeira ata os pés da Fervenza do Ézaro onde poderás incluso tocar a súa auga.